Novas
O BAfD financiará a ampliación das infraestruturas aeroportuarias do Marrocos con 270M€
O pasado martes 29 de setembro foi asinado en Casablanca un acordo de financiamento entre o Banco Africano de Desenvolvemento e o Goberno do Marrocos para fornecer con 270 millóns de euros o Programa de Expansión e Modernización das Infraestruturas Aeroportuarias (PEMIA).
A iniciativa procura fortalecer as capacidades de conexión aérea do Reino e enmárcase na estratexia do mesmo para tornarse o hub de referencia entre a África, a Europa e o resto do mundo. De igual maneira, apoia a implantación da ‘Visión Turística 2030’, o plan do Marrocos para reforzar a competitividade do sector internacionalmente.
Así, a PEMIA irá modernizar e ampliar as principais plataformas aeroportuarias, avanzando as capacidades operacionais dos aeroportos grazas á actualización das infraestruturas, á expansión do sistema de navegación aérea e ao reforzo dos dispositivos de seguranza. Asemade, colocará o foco no incremento da sustentabilidade e competitividade do transporte aéreo marroquí.
Entre os investimentos programados atópanse novos equipamentos de seguranza, sistemas automatizados para o procesamento das equipaxes e ferramentas dixitais que perfeccionen a experiencia das persoas viaxeiras.
Alén de mellorar a comodidade e adaptar os aeroportos aos estándares internacionais máis esixentes, tamén contribuirá a preparalos para as futuras necesidades de mobilidade. Para o 2030, o programa irá aumentar a capacidade para 14 millóns de pasaxeiras en Marraquex, 5 millóns en Agadir, 3,6 millóns en Tánxer e 3 millóns en Fez.
As pretensións do Goberno marroquí e do BAfD son que estas transformacións teñan un importante impacto no desenvolvemento dos sectores turístico, loxístico, comercial e, evidentemente, do transporte aéreo.
Na sinatura do acordo estiveron presentes o presidente do BAfD, Sidi Ould Tah, e a Ministra de Economía e Finanzas do Marrocos, Nadia Fettah.
Accede á noticia completa na seguinte ligazón.
Descubre as oportunidades de negocio que o Banco Africano de Desenvolvemento e outros organismos multilaterais ofrecen ao sector privado na África e outras rexións do mundo. Rexístratena nosa plataforma web SALT e contactaremos contigo!


