Novas

Nadia Calviño, vicepresidenta primeira do goberno de España, consegue os apoios necesarios para presidir o Banco Europeo de Investimentos

Nadia Calviño, actual vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Comercio e Empresa de España, asegurou o respaldo dos ministros de Economía e Finanzas da Unión Europea e os gobernadores do Banco Europeo de Investimentos (BEI) para presidir esta institución, considerada a maior entidade financeira multilateral do mundo. Este respaldo, comunicado polo ministro de finanzas belga, Vincent Van Peteghem, encargado do proceso de elección como presidente rotatorio do Consello de Gobernadores do BEI, representa un fito para España nos organismos internacionais multilaterais.

En caso de confirmarse, Calviño sería a primeira muller presidenta do BEI, sucedendo ao alemán Werner Hoyer, quen ocupou a presidencia desde 2012. Esta posición permitiríalle dirixir unha entidade crucial para financiar investimentos tanto públicos como privadas en Europa, enfocada no desenvolvemento de novas tecnoloxías e o impulso da dobre transición verde e dixital. Ademais, xogaría un papel fundamental no financiamento da reconstrución de Ucraína.

O BEI, como brazo financeiro da Unión Europea e unha das institucións financeiras máis importantes a nivel global, desempeña un rol estratéxico no financiamento de investimentos na UE, o respaldo financeiro a Ucraína e outros investimentos internacionais. Ademais, será crucial na xestión de parte dos préstamos do programa Next Generation EU.

Calviño, presidiu o Comité Monetario e Financeiro Internacional do Fondo Monetario Internacional (FMI) e desempeñou un papel fundamental na adquisición e despregamento dos fondos europeos Next Generation EU.

Desde o Servizo de Alertas e Licitacións Internacionais da Confederación de Empresarios de Galicia desexamos a mellor das sortes á coruñesa Nadia Calviño.

Accede á noticia completa aquí.