Novas

A Xunta consolidará en 2023 o programa Bonos de innovación para que microempresas e pemes gañen en competitividade

A Xunta de Galicia avanzou a nova convocatoria dos Bonos de innovación que contarán, en 2023, cun orzamento de 750.000 euros. Con estes bonos, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación trata de apoiar, especialmente, as empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia, así como facilitar as actuacións que leven a cabo. Os Bonos de innovación complementan as capacidades das empresas a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.

Por unha banda, estas axudas permitirán contratar servizos de apoio á innovación, como actividades de protección á innovación (a través de modelos de utilidades e patentes), xestión e vixilancia tecnolóxica ou accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos, nos que se inclúen especialmente as accións de deseño. Por outra banda, concederanse bonos para cubrir os custos derivados da tramitación de presentación de axudas de tipo individual ou cooperativo ás convocatorias de I+D+i estatais, europeas e internacionais, así como para a contratación de servizos de apoio para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e, como novidade, para bonificacións da Seguridade Social por máis de 10 investigadores.

Na primeira edición, os Bonos de innovación chegaron a 66 empresas, das que o 67% foi a primeira vez que obtiveron axudas da Axencia Galega de Innovación. Este programa verase complementado con outras medidas para as pequenas e medianas empresas como InnovaPeme e DeseñaPeme, co que se porán a disposición deste tipo de compañías un total de 5,25M€ no primeiro cuadrimeste de 2023.

Con este tipo de axudas, a Xunta pretende achegar a innovación a todo o tecido empresarial galego mellorando os seus produtos, servizos e procesos e xerando valor engadido para os consumidores e clientes, así como conseguir un impacto positivo na súa capacidade para crecer e internacionalizarse.