Novas
A Turquía desenvolverá unha infraestrutura sanitaria resistente fronte desastres con 620M€ do BAsD
O Banco Asiático de Desenvolvemento (BAsD) fornecerá o Ministerio da Saúde turco cun préstamo de 620 millóns de euros para apoiar o desenvolvemento dunha rede de infraestruturas sanitarias resistentes a desastres naturais no país. Adicionalmente o Goberno da Turquía achegará 182 millóns de euros a modo de co-financiamento.
Na actualidade o sistema sanitario turco enfronta riscos continuos derivados de terremotos e outros desastres naturais. De feito, só o efecto dos terremotos no 2023 danaron gravemente 136 hospitais e o 15% dos centros de atención primaria.
Por outra banda, tamén se está a experimentar un incremento da demanda de novos servizos no ámbito da saúde. En concreto, aproximadamente un 17% da poboación nacional padece problemas ou dificultades relacionadas coa saúde mental.
Así, co obxectivo último de reforzar a calidade dos servizos sanitarios, o proxecto Mellora da Infraestrutura Sanitaria e dos Avances no Sector das Urxencias Médicas, apoiará a construción de nove hospitais secundarios e terciarios, incluídos dous hospitais de investigación e formación e un servizo especializado en saúde mental.
As novas instalacións integrarán deseños resistentes a terremotos, sistemas enerxéticos e hidráulicos de reserva e sistemas de comunicación de emerxencia para garantir o fornecemento dos servizos sanitarios en momentos de desastre natural. Igualmente, o proxecto integrará fontes de enerxía renovábel e medidas para a eficiencia enerxética, o que inclúe sistemas pasivos de ventilación e refrixeración, así como revestimentos eficientes nos edificios.
Tamén se incluirán salas privadas de triaxe, aleitamento e servizos de coidado coa ollada colocada en aumentar a protección das mulleres, da cativada, das persoas de idade avanzada e do colectivo de persoas discapacitadas.
O deseño das novas instalacións sanitarias procurará acadar o equivalente nacional da certificación LEED Gold para edificios verdes. Pola súa banda, a calidade da atención e da seguranza das pacientes será reforzada para cumprir os estándares nacionais de acordo co Instituto Turco de Calidade Sanitaria e Acreditación (TÜSKA).
Agárdase que para o ano 2033, un total de 300,000 pacientes poderán ser atendidas anualmente na rede de hospitais desenvolvidas ao abeiro deste proxecto.
Accede á noticia completa na seguinte ligazón.
Descubre as oportunidades de negocio que o Banco Asiático de Desenvolvemento e outros organismos multilaterais ofrecen ao sector privado na Asia e outras rexións do mundo. Rexístratena nosa plataforma web SALT e contactaremos contigo!


