Novas

A Xunta de Galicia comparte en Brasil a súa experiencia en Compra Pública de Innovación con expertos procedentes de 17 nacionalidades

Río de Janeiro (Brasil), 16 de novembro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, participou esta mañá na apertura institucional do IV Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación (CPI) e Innovación Aberta que se está a celebrar en Río de Janeiro (Brasil) ata o venres e que reúne a máis de 300 asistentes procedentes de dezasete nacionalidades.

Na súa intervención, Argerey destacou a importancia deste evento para poñer en valor o papel que xogan as Administracións Públicas no impulso á innovación, a través de incentivos como a Compra Pública de Innovación, e subliñou o exemplo de Galicia como referente a nivel estatal e europeo no emprego deste instrumento de contratación pública.

Argerey reiterou o compromiso do executivo galego con esta ferramenta e sinalou que mostra disto é a extensa representación de Galicia neste Foro, no que participan ademais representantes da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, do Servizo Galego de Saúde, da Universidade de Santiago de Compostela e da empresa Bahía Software. O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, abordou as claves para levar a cabo unha boa compra no eido da innovación, destacando a importancia que ten definir perfectamente cada unha das fases da mesma. Ademais, tamén apuntou os diferentes plans que xa desenvolveu a Consellería de Sanidade neste eido, como é o caso do Plan H2050 de innovación sanitaria, Innovasaude; o Código 100 e o actual Innovatrail.