Novas
Feira Conxemar 2024
A Feira Internacional Conxemar 2024 celebrou a súa 25ª edición en Vigo os días 1, 2 e 3 de outubro, reafirmando a súa posición como un dos eventos máis destacados a nivel mundial no sector dos produtos do mar conxelados e a industria pesqueira. Este ano, o evento reuniu a máis de 750 empresas expositoras de máis de 40 países, destacando a súa proxección global e a súa capacidade para atraer aos principais actores do sector.
Conxemar consolidouse como un foro indispensable para maioristas, distribuidores, importadores e exportadores que buscan fortalecer a súa presenza no mercado global de produtos do mar.
En paralelo á feira, celebrouse a 12ª edición do Congreso Internacional Conxemar-FAO, que abordou temas cruciais como a sustentabilidade e presentou o informe SOFIA 2024. Organizado en colaboración coa Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), este congreso converteuse nun encontro esencial para quen promove prácticas responsables e sostibles na pesca e a acuicultura, aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Presenza do Servizo de Alertas e Licitacións Internacionais (SALT)
Nesta edición, o Servizo de Alertas e Licitacións Internacionais (SALT) da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) asistiu á feira co obxectivo de promover o servizo que a CEG, en convenio co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), pon ao dispor das empresas galegas. Este servizo facilita a súa participación en licitacións internacionais, impulsando a súa expansión en mercados exteriores.
Organismos multilaterais como o Banco Mundial, o Banco Interamericano de Desenvolvemento e as Nacións Unidas están a priorizar o financiamento de proxectos aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente en áreas como a redución da pobreza, o acceso a servizos básicos, a protección do medio ambiente e a promoción de economías inclusivas. Neste contexto, as prácticas de sustentabilidade en sectores como a pesca e a acuicultura están a adquirir unha relevancia cada vez maior.
Con este enfoque, o equipo da CEG asistiu a Conxemar coa intención de ampliar e consolidar unha rede de contactos estratéxicos con empresas estranxeiras vinculadas á pesca e a acuicultura sostibles. O noso propósito é poñer ao dispor das empresas galegas unha base de contactos chave neste ámbito, con miras a promover a cooperación internacional e fortalecer as súas posibilidades de éxito en convocatorias multilaterais.
Non te perdas as oportunidades que ofrece o mercado multilateral! Rexístrache na nosa plataforma web SALT e poñerémonos en contacto contigo.