Novas
Claves do Curso Formativo: “Contract Management: Xestión Contractual en Proxectos Internacionais”
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a través do seu Servizo de Licitacións Internacionais (SALT) e en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), continúa impulsando a capacitación das empresas galegas en materia de contratación internacional. Neste marco, celebrouse durante o mes de setembro un curso especializado en Contract Management: Xestión Contractual en Proxectos Internacionais, organizado en formato de teleformación a través de aula virtual.
O curso desenvolveuse os días 15, 16, 22 e 23 de setembro, en horario de mañá, e foi impartido polo Instituto Tecnolóxico do Cantábrico (ITC), entidade de referencia en consultoría e formación para directivos e profesionais, cunha sólida experiencia na implantación de metodoloxías de Project Management e xestión contractual en organizacións de distintos sectores.
O programa abordou os principais aspectos da xestión contractual aplicada a proxectos internacionais. Nas primeiras sesións traballáronse os fundamentos da xestión contractual, os diferentes tipos de contratos e a definición de documentos chave como o alcance, cronograma, recursos e plans de xestión. Posteriormente, abordáronse as liñas basee de alcance, prazos e custos, destacando boas prácticas para a elaboración de cronogramas contractuais e CWBS, así como a identificación de sobrecustos e desviacións.
Tamén se analizaron ferramentas para a xestión de riscos e comunicacións, incidindo na necesidade de prever continxencias e establecer mecanismos claros de interlocución. O programa completouse cun bloque centrado no goberno do proxecto e a xestión de cambios, incluíndo o Protocolo SCL para a análise de atrasos e perdas de produtividade. O curso concluíu coa análise dos contratos FIDIC e o estudo de técnicas de negociación internacional, como a metodoloxía BATNA, especialmente útiles en procesos de adxudicación e execución contractual.
Este curso proporcionou aos asistentes unha visión integral e práctica da xestión contractual en proxectos, reforzando competencias clave para mellorar a súa competitividade no ámbito internacional.
Se queres estar ao tanto da celebración de futuras formacións rexístrache na nosa plataforma web SALT e poñerémonos en contacto contigo!